Fragas do Ortegal

Que é a asociación Fragas do Ortegal?
A asociación “Fragas do Ortegal” é unha asociación sen ánimo de lucro, de carácter
medioambientalista, constituída no outono de 2020, que ten a sede social no edificio “O Caixón” do núcleo rural de Figueiroa, Concello de Cariño, e que ten como ámbito de actuación principalmente a “Comarca do Ortegal”.

Cal é a finalidade da Asociación?
O fin principal da Asociación, de acordo cos Estatutos, é a protección e recuperación do bosque tradicional do Ortegal, bosque Atlántico, e do uso natural dos terreos, cunha xestión responsable e sustentable desde o punto de vista medioambiental, reforestando zonas inertes ou actuando sobre as zonas de explotación de monocultivos.
Como fin complementario, que é consecuencia do anterior, é a recuperación da paisaxe multicolor dos montes tradicionais do Ortegal.


Outros fins da Asociación.
Outros fins da Asociación, entrelazados cos principais, son:

Medioambientais:

  • A protección das fragas existentes e espazos naturais, e da súa flora e fauna, así como as sebes tradicionais dos terreos.
  • A conservación da biodiversidade e a loita contra as plantas invasivas.
  • A promoción dunha política forestal baseada na conservación, rexeneración e
    aproveitamento sustentable dos nosos montes tradicionais.
  • A dignificación do hábitat e das culturas rurais baseadas no uso equilibrado e racional dos recursos.
  • Poñer en valor a produción agro-ecolóxica, os recursos locais e usos e costumes tradicionais que impulsen o mantemento das comunidades rurais de maneira sustentable.

Sociais

  • Fomentar a relación e comunicación das persoas co seu entorno natural.
  • Facilitar e acercar a natureza, fauna e flora a todas as persoas.
  • Procurar e fomentar a participación, a solidariedade e o traballo en equipo, respectando a individualidade.
  • Fomentar o voluntariado ambiental.


Educativos

  • Creación e documentación de rotas e itinerarios naturais amosando contornas naturais e paisaxísticas relevantes.
  • Fomentar, difundir e potenciar a Educación Ambiental, cos medios que se entendan máis adecuados para tal fin, impulsando unha conciencia social e sensibilización sobre a importancia da conservación da natureza.
  • Sensibilizar á sociedade civil dos fins e principios xerais da Asociación, organizando encontros, debates, reunións, actividades culturais, eventos.